Thursday 02 de May de 2024

BNG e PP apoian en San Sadurniño a moción da CIG demandando a derrogación da reforma laboral e un plan de reindustrialización para Galicia


O pleno ordinario deste xoves 4 de abril, que podería cualificarse como de trámite polos contidos resolutivos que ían na orde do día, deixa dous titulares. O primeiro é o da súa duración, pouco máis dun cuarto de hora, rachando así a tendencia habitual nas sesións deste tipo que inclúen rogos e preguntas e onde é habitual que se produzan animados debates entre goberno e oposición. Iso non ocorreu onte á tarde, xa que esa última parte se saldou sen ningún tipo de intervención nin por un lado nin polo outro. Os dous asuntos administrativos para votar -a acta da sesión anterior e a modificación da ordenanza do SAF- saíron adiante por unanimidade, mentres que o terceiro, unha moción presentada pola CIG demandando a derrogación da reforma laboral e emprego de calidade, obtivo o apoio do BNG e do PP (este é o segundo titular). O representante do PSdeG-PSOE optou pola abstención.

O texto da moción presentada pola Confederación Intersindical Galega denuncia “a precariedade, o abuso da contratación a tempo parcial e a temporalidade en todos os sectores” que sofre a clase traballadora desde a reforma laboral de 2012 e tamén a raíz da modificación efectuada polo Goberno estatal en 2021.

Neste sentido, o sindicalista Manel Grandal interviu na sesión solicitando o posicionamento unánime da Corporación municipal para demandar do Goberno galego a aprobación dun Plan de recuperación económica, industrialización e creación de emprego digno, ademais de instar ao Goberno do Estado a que se derrogue a reforma laboral e se substitúa por unha normativa que, segundo a moción, “restitúa os dereitos perdidos e favoreza novos dereitos”. O escrito rexistrado tanto en San Sadurniño como noutros concellos tamén avoga, por último, porque se dean os cambios legais que permitan implantar a xornada semanal de 35 horas como paso intermedio cara a consecución da xornada de catro días e 32 horas á semana.

“Nós entendemos, e así o demostran as estatísticas, que o Goberno galego debe demandar do Goberno do Estado un marco galego de relacións laborais. Ter emprego digno significa que tamén haxa que apostar por emprego de calidade, é urxente e necesario un plan de reestruturación industrial en Galicia porque é vital para este país” explicou Grandal a xeito de introdución da moción. O sindicalista da CIG considera necesario, ademais, “derrogar as reformas laborais, en primeiro lugar a de Rajoy de 2012 que abaratou o despedimento e que lles permitiu aos empresarios facer o que lles dea a gana, pero tamén modificar drasticamente a reforma do actual goberno. Unha reforma que podería ter boas intencións, pero que trouxo modalidades de contratación sen as restricións e o control necesario, provocando que a precariedade sexa galopante”. “Eliminar esas reformas e facer unha de verdade, que recupere dereitos, é vital para o país e para a clase traballadora”, engadiu.

Grandal tamén se posicionou a favor da introdución na sociedade do debate ao respecto da redistribución do traballo, sobre todo trala irrupción dun novo modelo produtivo caracterizado polas novas tecnoloxías. “É un debate necesario, para traballar menos, para traballar todos e que poidamos vivir dignamente”.

A quenda de exposición do sentido da votación abriuna o representante do PSdeG-PSOE, Juan Alberto Rivera, argumentando que a reforma laboral máis recente, a aprobada en 2022, “amosa que ten efectos positivos” e que, polo tanto “debemos deixala en vigor, pero vixiando os posibles efectos negativos que poida ter e mellorando os aspectos susceptibles de mellorar”. O edil socialista, que anunciou a súa abstención, posicionouse a favor das medidas “que aumenten a calidade das condicións de traballo e o número de traballadores e traballadoras” e tamén de que as Administracións con competencias lexislativas -Goberno da Xunta e do Estado- “colaboren para que a mellora das condicións de traballo sexan xeralizadas”.

O PP si apoiou as teses da CIG, lamentando a perda de poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras “con ipcs altísimos” que non se compensan cos convenios laborais. Unha situación que a xuízo de José Luis Hermida -voceiro do grupo popular neste punto- precisaría ser revertida cunha acción conxunta “dos concellos, da Xunta e do Goberno central”.

O BNG pechou a rolda de intervencións apoiando tamén a moción: “É de xustiza subscribir cada un dos acordos da moción, tanto para eliminar os aspectos tan lesivos da reforma de 2012 e a barra libre para o despedimento, como para corrixir as eivas da reforma de 2021 que ao final deriva en que os datos de incremento de emprego sexan de empregos a xornadas parciais ou fixos discontinuos, que penalizan aos sectores feminizados e á nosa mocidade, á que ao final só lle queda a opción de coller as maletas e marchar”, asegurou a portavoz nacionalista María Muíño.

Ao final, o texto achegado pola CIG saiu adiante cos sete votos favorables do Grupo de goberno, os tres do Partido Popular e a abstención do concelleiro do Grupo Mixto. A partir de aí, entrouse no apartado de posibles mocións presentadas pola vía de urxencia, rogos e preguntas. Non houbo ningunha e a sesión deuse por rematada 16 minutos e 56 segundos despois do seu inicio.